8 de maio de 2024
|
Cando comecei a Folla quería publicar un número novo cada semana. Desde hai uns meses, veño publicando unha semana si e outra non. E no último mes foi, máis ben, unha semana non e outra tampouco.
Vai sendo hora de enfrontar a realidade: a Folla vai ter que tomar unhas vacacións.
Ata cando? Non o sei. Igual volto daquí nuns meses, ou igual son permanentes.
Dáseme mellor escribir sobre enxeñería do software que artigos de despedida, así que só vou dicir que foi unha experiencia incrible. Cando comecei a matinar no proxecto a finais do 2021 pensaba que xa bo sería se chegaba a 25 subscritores, pero superei ese número incluso antes de enviar o primeiro episodio.
Moitísimas grazas pola vosa confianza en min.
Hoxe, dous anos e pico despois, sodes 136 os que ides recibir esta mensaxe no voso email. Non me cabe na cabeza que haxa tanta xente interesada no tema :-)
Aínda teño temas dos que falar, pero o que non teño é tempo ou enerxía para lle dedicar, así que é mellor parar mentres a calidade do produto aínda é boa dabondo.
Se as cousas cambian, ou se un día hai algo do que me entren moitas ganas de falar, é posible que recibades unha mensaxe da Folla no voso email.
E, en todo caso, eu aínda ando por aí e podedes poñervos en contacto comigo polas canles habituais.
Vémonos!
Anterior: “Little endian, big endian” | Índice |
1 comentario