Número 2
9 de marzo de 2022
|
Hai un programa de email para Linux chamado “Mutt” que se fixo moi popular cara o ano 2000. Era moi potente e podíase configurar para que funcionara como quixeras, pero tamén era practicamente obrigatorio configuralo para podelo usar. Cos valores de configuración por defecto, Mutt facía case todo ao revés de como unha persoa normal quería que o fixera. Cando alguén che recomendaba que usaras Mutt, sempre che ofrecía o seu ficheiro de configuración para que, polo menos no principio, o programa funcionara dunha maneira máis ou menos normal.
Todos coñecemos algún programa do que, igual que Mutt, todo o mundo che di “o primeiro que tés que facer é ir á configuración e cambiar isto”. A min iso paréceme un defecto moi grave: un programa debería funcionar de forma razoable cos valores de configuración por defecto.
No carniceiro: “Esta é a carne que vendo por defecto.”
Algunhas veces, as opcións de configuración non teñen razón de ser. Unha vez vin un antivirus que preguntaba ao usuario se quería tratar certo tipo de ficheiros da forma correcta. Iso era, literalmente, o que preguntaba. Non sei se os autores dese antivirus se ergueron algún día e dixeron: “mira, o que me peta hoxe é que, cando un deses ficheiros exista, o programa non funcione”, ou que alternativa tiñan na mente: que o ordenador estoupara?
A cuestión é por que hai tantos programas que fan iso.
Ás veces é cousa do paso do tempo: un programa funciona dunha maneira pero, anos despois, moitos usuarios pasan a esperar que funcione dunha maneira distinta, e os desenvolvedores non poden cambialo para non enfadar aos usuarios que están afeitos á maneira vella. Para resolver este dilema, moitos desenvolvedores engaden unha opción de configuración para que os usuarios poidan escoller a maneira nova ou a vella.
Outras veces esa non é a causa: Mutt só tiña tres anos no 2000 e xa andabamos todos carrexando ficheiros de configuración. Neste caso, semella que o autor do programa tiña preferencias particulares que non encaixaban coas da maior parte dos usuarios. Isto ocorre moitas máis veces do que un pensa, especialmente porque moitos programadores son de todo menos modestos, e son incapaces de considerar que a súa opinión podería valer menos que a dos usuarios.
Finalmente, ás veces é puro desleixamento: un programador crea unha opción de configuración pero non pensa na importancia do valor por defecto así que o escolle ao chou. Isto non é tremendamente común, pero vese moitas veces nos foros e chats de apoio aos programas, cando o programador di: “hai unha opción de configuració; non vexo cal é o problema”.
Como xa mencionei, eu penso que os programas deberían funcionar de maneira razoable recén instalados. O seu comportamento debería axustarse ao que a maioría dos usuarios modernos espera dun programa semellante, debería usar cores e tamaños de letra doados de ler e non debería ter opcións de configuración que fagan que non funcione correctamente.
Se non sabedes como escoller os valores de configuración por defecto do voso programa, suxírovos facer enquisas aos vosos usuarios (presentes e futuros). Na práctica, non necesitades preguntar a moita xente para ter resultados significativos; do que si precisades é de humildade para aceptar o que vos diga a xente, especialmente cando vaia contra a vosa intuición.
Unha recomendación final que vos quero facer é a de evitar incluír opcións de configuración que non sexan imprescindibles. Cada opción introduce novos sitios onde se pode agochar un erro e fai máis difícil probar o programa: se hai tres opcións de “si” ou “non” teredes oito combinacións para probar cada vez que queirades publicar unha nova versión do programa. Non sexades indecisos: escollede unha opción e impoñédea, covardes.
A ilustración desta Folla vén dunha viñeta publicada en Le Charivari en 1865.
Anterior: “O que non nos aprenderon” | Índice | Seguinte: “A cadea de subministro de software” |
Coding Sheet has an English version of this article: “Reasonable by default”. |
1 comentario