Número 4
23 de marzo de 2022
|
Os veciños dunha parroquia da provincia de Lugo estiveron moitos anos reclamando unha obra a todas as administracións públicas; non lembro se era unha estrada ou un centro de saúde ou unha piscina ou que. O caso é que, despois de varios anos de peticións, acabaron por lla conceder e, como era época electoral, chegaron os políticos todos a inaugurar a obra.
Alá estaba o subsecretario de nonseique coa directora de nonseicanto e a alcaldesa e o concelleiro de obras públicas; os catro pelexando para estar diante da cámara mentres cortaban unha fita e, detrás deles, unha pa mecánica e unha escavadora remexían a terra para que se vira que xa comezaran as obras.
Cando vin ese espectáculo na tele, de seguido chamaron a miña atención esas dúas máquinas polo noviñas e limpiñas que estaban. Feita de aceiro relucente e pintada dun marelo impecable, a escavadora rañaba a tona da terra sen afondar. A pa, tamén marela sen mácula, avanzaba uns metros e retrocedía, unha e outra vez, sen saír do seu camiño. Estaba claro que esas dúas pezas de maquinaria eran novas do trinque, que só estaban alí para a foto, e que, nin cinco minutos despois de que marcharan os políticos, ían retornar ao concesionario ou como se chame o sitio no que venden maquinaria de obra.
Non ides enganar a ninguén se traedes esta máquina ás vosas inauguracións.
Unha escavadora nunha obra case sempre está enlamazada, coa pintura desgastada, óxido superficial na culler, o plástico dunha luz roto, e un gancho soldado na parte traseira. En resumo: unha máquina traballadora non é tan guapa como a foto do catálogo.
O mesmo pasa co software. Os programadores queixámonos todo o tempo: o noso proxecto ten moitísimos ficheiros, hai código cortado e pegado, esta función é moi longa, … e non nos decatamos de que, moitas veces, ese código está así porque é código que estivo fozando na obra. Non é código da foto do catálogo, moi bonito, moi relucente, con todas as luces enteiras e todo o aceiro brillante. É código traballador, co tubo de escape torto e “Escavacións Gómez” pintado no brazo con spray negro. Non é código para facer bonito mentres os políticos fan a foto na inauguración. É código para sacar varias toneladas de terra dun sitio e poñelas noutro sitio distinto.
Non sintades vergoña do voso código. Sentide orgullo, porque o voso código non está de adorno nun escaparate senón que traballa, e por iso está cheo de lama.
Iso si: botádelle unha mangueirada de cando en vez para que non dea noxo.
A ilustración desta Folla é unha modificación dunha foto adicada ao dominio público.
Anterior: “A cadea de subministro de software” | Índice | Seguinte: “Non podo vivir sen ti” |
Coding Sheet has an English version of this article: “Construction equipment”. |
1 comentario