Número 5
30 de marzo de 2022
|
Sven tiña 27 anos, traballaba nunha empresa de informática e tiña un problema moi gordo: era indispensable.
Moita xente pensa que é unha bicoca ser indispensable nunha empresa: se non te poden substituír, tampouco te poden botar e teñen que andar con moito tiniño a ver se te enfadas e marchas e os deixas a velas vir.
Do que non se decatan moitos é de que tamén é un problema para o empregado, xa que a empresa non vai aceptar esa situación de bo grado e vai poñer moita presión sobre esa persoa para que se faga “dispensable” outra vez. Se a situación non mellora, poden chegar a despedilo para evitar que empeore.
O mal ambiente no traballo non é a única consecuencia de ser indispensable, porque tamén trae problemas no diario. O maior inconveniente de ser a única persoa que pode facer algo na empresa é que sempre tés que estar dispoñible para facelo. Cando o coñecín, Sven levaba sete meses de garda 24/7 e non podía xuntar tres horas de sono ininterrompido porque o sistema do que era responsable único daba alertas a todas as horas do día. Por suposto, Sven non tiña enerxía nin tempo para facer melloras ou previr problemas. Por suposto, non podía tomar un día libre sen arriscarse a que o seu sistema fose ao tacho, por non falar de vacacións, que eran directamente imposibles.
Non tés por que levar ti todo o peso do mundo.
Unha persoa imprescindible tamén vai ter moi difícil avanzar na súa carreira profesional, porque a empresa non lle ha permitir cambiar as súas responsabilidades se non hai ninguén máis que as poida asumir. Sven dirixira un par de proxectos no pasado e quería cambiarse a un rol de xefe de equipo ou directivo, pero a empresa non estaba disposta a quedar sen alguén adicado a manter aquel sistema andando.
Na empresa de Sven non repararan no problema gravísimo que tiñan con el. Aparentemente, non lles importaba ter un empregado que estaba a perder horas de sono e correndo dun lado ao outro como unha galiña sen cabeza. Non se decataban de que estaban a xogar co lume e que Sven estaba a se queimar profesionalmente e un día ía acabar no hospital. E, aínda sen falar da saúde mental de Sven, o feito de ter un empregado insubstituíble e con redundancia cero era extremadamente perigoso para a empresa. Non quero nin imaxinar que pasaría se Sven marchara ou o pillara un autobús ou algo.
Por sorte, finalmente Sven e a súa empresa entraron en razón e comezaron a traballar xuntos para solucionar o seu problema. Sven comezou a formar aos seus compañeiros e estes comezaron a asumir gardas. Pouco a pouco, Sven puido comezar a traballar nas outras tarefas para as que antes non tiña tempo e, xunto cos seus compañeiros, comezou a facer cambios e melloras no sistema para que non producira tantas alertas. Despois de dirixir uns poucos proxectos, finalmente foi ascendido.
Se algún día vos vedes na situación de Sven, pedide axuda. Formade aos vosos compañeiros para que tamén poidan tomar parte do voso traballo e non sexades vós os que o tedes que facer sempre.
Se tedes unha persoa no voso equipo que se está a tornar indispensable, ou que xa o é, sacádea desa situación: falade con ela e convencédea de que distribúa os seus coñecementos e responsabilidades. Se non responde, se cadra teredes que re-asignar a esa persoa ou botala directamente; canto máis tempo deixedes pasar, máis perigo corredes.
E se estades a tentar ser indispensables adrede, volvede ler esta Folla porque está claro que non sabedes no que vos metedes.
A ilustración desta Folla é un gravado de Atlas e Hércules de Claude Mellan.
Anterior: “Maquinaria de obra” | Índice | Seguinte: “Unha cadea de texto é unha cadea de texto é unha cadea de texto” |
Coding Sheet has an English version of this article: “I can’t live without you”. |
1 comentario