Número 16
15 de xuño de 2022
|
Hai tres tópicos dos que nunca somos capaces de fuxir cando falamos de proxectos de software: o xefe ou cliente que nos pide que adiantemos a data de entrega, o equipo que se mata (literalmente ou figurativamente) para cumprir unha data de entrega pouco realista, e o proxecto que vai con atraso e non funciona ao entregalo.
Os nosos tres tópicos forman a historia dun proxecto de software e, por desgracia, non é por casualidade.
Cando planificamos un proxecto hai tres dimensións que podemos axustar: o alcance do proxecto, o custo do proxecto e a data de entrega do proxecto. Estas tres dimensións son interdependentes: por exemplo, se queres aumentar o alcance vas ter que aumentar o custo e pospor a data de entrega.
Con todo, moitas veces hai alguén que quere tocar unha ou dúas desas dimensións sen tocar a outra, e iso non pode ser. Un proxecto é coma un globo cheo de auga: cando o oprimes nun lado ha avultar polo outro. Non sei como foi a vosa infancia pero, cando eu era neno e xogaba cun globo de auga, aprendín que se o apertaba por todos os lados para que non avultara, o globo rebentaba e eu quedaba enchoupado.
Un caso moi habitual é o da persoa que chega e nos di: “ese proxecto de tres meses, precisamos de entregalo en dous”. Normalmente non llo din a un xefe de proxecto con experiencia porque xa saben que non funciona. Os outros moitas veces caemos na trampa e comezamos a facer concesións e suposicións absurdas: “ben, se reducimos os tests, se traballamos os sábados, se todo funciona á primeira e todos os subministradores entregan todo a tempo, se cadra podemos facelo”. E, en menos do que pensamos, ese “se cadra” convértese nunha promesa firme.
Como pensades que vai continuar a historia? Lembrade o globo: se alguén quere apertar polo lado do prazo de entrega, os outros lados teñen que ceder: os recursos asignados ao proxecto teñen que aumentar e o alcance ten que reducirse. Se quitamos un mes de tempo no proxecto, tamén temos que quitar un mes de traballo. Se non o facemos, a data de entrega ha chegar e despois pasar sen nós ser quen de entregar un produto que funcione como é debido.
Bum! Os tres tópicos dun golpe!
O caso recíproco tamén é moi habitual: chega a persoa e di que quere engadir dous meses de traballo sen tocar a data de entrega. Normalmente non o din con tanto descaro senón que o fan a poucos e con moitas escusas. Por desgraza, todos caemos nesa trampa. Lembrade sempre o globo e tratade de resistir os cantos de serea que emanan da boca da persoa que vos quere escarallar a vida: se engadimos máis traballo no proxecto hai que pospor a data de entrega.
Non sei se vos decatastes de que nesta Folla só falei de axustar o alcance do proxecto e o prazo de entrega, pero non os recursos asignados a el. En teoría, poderiamos facer máis cousas no proxecto sen tocar a data de entrega se poñemos máis xente a traballar nel, pero a realidade é máis complicada. Hai tempo vin un problema nun libro de matemáticas: se un home cava un burato dun metro de fondo nun día, como de fondo é un burato que cavan dous homes nun día? A resposta non son dous metros: dous homes poden cavar un burato máis ancho no mesmo tempo, pero non máis fondo. Moitos proxectos están cheos de tarefas dese tipo, e duplicar o número de traballadores non reduce o prazo de entrega á metade nin viceversa.
A próxima vez que alguén veña facer cambios no voso proxecto, lembrade o globo. Se queren reducir a data de entrega tamén hai que reducir o alcance; se queren engadir traballo, hai que entregar máis tarde. Non fagades concesións sen que vos dean algo a cambio, ou o globo ha rebentar nas vosas mans e ides quedar pingando.
A ilustración desta Folla procede de “The Hole Book”, de Peter Newell.
Anterior: “Non fagas hoxe o que poidas deixar para mañá” | Índice | Seguinte: “O valor da plataforma” |
Coding Sheet has an English version of this article: “A project is a balloon”. |
1 comentario