Número 18
29 de xuño de 2022
|
Hai pouco comecei a exercer de team lead e teño problemas facendo respectar a miña autoridade. Os meus compañeiros ignoran as miñas indicacións e non escriben o código como lles digo. Como os podo obrigar a me facer caso?
— Leroy
Amigo Leroy: o motivo polo que os teus compañeiros non respectan a túa autoridade é moi simple: non tés ningunha autoridade. Ti es o seu team lead, non o seu pai nin o seu mestre nin o seu xefe. A túa función non é mandar neles, e a deles non é facer todo o que ti digas como ti digas.
O teu obxectivo como team lead (ou TL para abreviar) é dirixir un proxecto que é máis grande do que unha soa persoa pode facer. Como TL, ti tés unha visión global do proxecto e empregas a outras persoas para que che axuden a completar o crebacabezas.
Para conseguir o teu obxectivo, non podes empeñarte en que os teus compañeiros fagan todo igual que o farías ti porque, francamente, para iso xa era mellor que o fixeras ti directamente. E se o fas ti directamente xa non es un TL, senón que es un programador individual nun proxecto que é grande de máis para un programador individual, e por iso vas fracasar. E como non queres fracasar, tés que deixar que os teus compañeiros traballen á súa maneira.
Para ser TL non precisas de autoridade, senón que precisas de influencia. O teu equipo non te vai seguir porque lle mandes, senón porque quere ir onde ti vas. Para conseguilo, tés que converterte nun modelo a emular: da bo exemplo, ensina o que sabes, fai a túa parte do traballo e axuda aos teus compañeiros a progresar profesionalmente. Déixaos que cometan os seus propios erros e teñan os seus propios éxitos, lóuvaos en público e critícaos en privado e dálles o recoñecemento que merecen. Ou, noutras palabras, sé unha persoa decente.
Vi ou Emacs?
— Daniel o Fedello
Corre o ano 2062. Grazas aos avances en miniaturización, absolutamente todo está computerizado.
Xiana traballa de programadora en Boqueixón. Leva posto un chapeu no que catro chips coa potencia dun supercomputador de 2022 interpretan as súas ondas cerebrais e producen outras ondas que inducen sensacións no seu cerebelo: en efecto, Xiana emprega unha interface mental. Cun só pensamento, cinco mil liñas de código aparecen da nada e quedan inseridas na correcta posición no programa. Outro pensamento, e dous millóns de liñas quedan refactorizadas.
Xiana sinte que hai un erro no programa: esa sensación de incomodidade é inconfundible. Comeza a seguila e, en tres segundos, determina cal é o problema, arránxao e engade tests para evitar unha regresión.
De súpeto nota a presenza de Antón. Agora non, amor, pensa ela, estou no medio dunha cousa. Antón retírase da súa consciencia deixando un rastro de agarimo detrás del, e ela volta ao seu programa. Antón está no seu traballo en Santa Comba e leva un chapeu como o de Xiana, pero el non é programador, senón enxeñeiro civil. Pecha os ollos e segue a imaxinar distintas cargas sobre a ponte que está a deseñar, sentindo as forzas de tensión e de compresión como se fora no seu propio corpo.
En Santiago, Daniel está a prender un antigo ordenador portátil. Un debuxo dun pingüín aparece na pantalla e, un segundos despois, Daniel teclea o seu nome de usuario. Aparece o indicativo e escribe “emacs”. Ollando as vintecinco liñas e oitenta columnas, Daniel felicítase por estar na vangarda da informática.
Queres que che conteste algunha consulta? Mándama a a@folla.gal e contestareicha na Folla igual que contestei estas preguntas que definitivamente non inventei eu.
A ilustración desta Folla está baseada nun gravado de Thomas Rowlandson.
Anterior: “O valor da plataforma” | Índice | Seguinte: “Movementos migratorios” |
Coding Sheet has an English version of this article: “Advice column: respect my authority”. |
1 comentario