Número 27
28 de setembro de 2022
|
Cando eu dicía que quería estudar informática, todo o mundo me avisaba para que me preparara, que a tecnoloxía avanza a toda velocidade e hai que manterse ao día.
Sempre imaxinei que ese avance ía ser imparable, arramplando con todos os obstáculos que atopara, como un grupo de amigos emperrados en cantar o “cumpre anos feliz”, pero resultou que non. O avance da tecnoloxía informática é como unha peza de música clásica: ás veces vai rápido, ás veces paseniño, repítese con variacións, apártase do tema principal para explorar unha nova melodía, e ás veces fai como que está a acabar e, cando estás a pique de aplaudir e erguerte para ir ao baño, resulta que non, que hai máis.
“Tal como o vexo, se a moda é cíclica, non preciso de ir correndo tras dela. Só teño que agardar a que torne e me alcance.”
Cando eu estudaba comezaron a aparecer as aplicacións web. Antes, as empresas de software facían programas que podías mercar nunha tenda, traer os discos para a casa, instalalos e usalos, pero moitas desas empresas descubriron que era moito máis fácil e barato facer aplicacións que se executaban nun servidor web e ás que a xente podía acceder co Netscape Navigator ou co Internet Explorer que xa tiñan instalado no seu ordenador.
Os meus compañeiros de estudos e mais eu viamos estas aplicacións web e faciamos chanzas con que estabamos a voltar aos tempos dos mainframes. Á fin e ao cabo, cal é a diferencia entre un ordenador central con varios centos de terminais 3270 conectados a el e un servidor web con varios miles de navegadores conectados a el?
A nosa broma continuaba dicindo que pronto iamos reinventar a arquitectura cliente-servidor, os ordenadores persoais e a informática facturada por minuto de CPU. Sabendo que hoxe temos AJAX, teléfonos móbiles e plataformas “na nube”, eu diría que non andabamos tan desencamiñados.
Na informática andamos todo o tempo a reciclar ideas do pasado: algunhas veces sabéndoo e outras sen sabelo. Ás veces penso que, nos estudos de informática, debería haber unha aula de historia na que se repasaran as diversas técnicas e tecnoloxías que se usaban antes, por que funcionaban así e por que se deixaron de usar. Desa maneira poderemos reciclar as partes boas e evitar as partes malas.
Non temos esa aula, así que moitas veces temos que botar man da mellor alternativa: falar coa xente que leva máis tempo traballando nisto. Unha palabra a tempo pode evitarnos caer nas mesmas trampas nas que outros caeron vinte anos antes.
Pensade, por exemplo, na historia de NoSQL. Hai uns anos, alguén determinou que SQL era o obstáculo que impedía a nosa facilidade á hora de programar, e varios grupos comezaron a facer e vender bases de datos “NoSQL”.
Cando comezou a adopción destas bases de datos, moitos programadores vellos e algúns novos resistiron dicindo que ían dar máis problemas dos que solucionarían. Pouco tempo despois, tal como eles dixeran, moitas empresas comezaron a mudar os seus datos outra vez para unha base de datos relacional de toda a vida.
Por que pasou iso? Sería porque hai moitos programadores moi conservadores e a soldo de Oracle e de PostgreSQL? Ou sería porque os motivos polos que todo o mundo adoptara bases de datos relacionais nos anos 80 aínda eran válidos, pero os programadores dos anos 2010 non os lembraban?
Esa é unha das razóns polas que a discriminación por idade é unha parvada soberana. No mundo da tecnoloxía aparecen ideas novas e frescas todos os días, pero están mesturadas con refritos das sobras de trasantonte: sen experiencia ou estudo, é moi difícil distinguilas.
A ilustración desta Folla é unha montaxe realizada cun gravado de Hugh Thomson e unha fotografía de Rafael Hoyos Weht.
Anterior: “A estrutura do código” | Índice | Seguinte: “Programar é un pracer” |
1 comentario