Número 30
19 de outubro de 2022

Disque queredes facer software libre

O bo de escribir isto en 2022 é que me libra de ter que explicar que son o software libre e o “Open Source”. Non é como cando eu era un membro activo do GPUL: hoxe a pregunta non é “por que hai xente facendo software libre?” senón “como podo participar nun proxecto de software libre?”.

Hai moitos motivos para facelo: algunha xente quere devolver o favor, outros queren aprender a programar nun equipo facendo algo máis grande do que unha soa persoa pode facer e outros queren ter algo que poñer no seu currículum.

O máis importante non é a vosa razón para comezar a participar nun proxecto, senón a vosa razón para seguir participando nel. É moi difícil traballar nalgo porque si: a maioría da xente precisa de algo que os anime, e é importante atopar ese “algo”.

Unha estampa dun ñu.

Por exemplo, eu prefiro traballar en cousas que eu uso; así vexo en primeira persoa as necesidades e recibo os beneficios do meu traballo. Outra boa motivación é traballar nalgo que é bo para a sociedade, como cando eu traducía software ao galego: eu non precisaba das traducións, pero facíame feliz que existiran.

Outro aspecto importante é o papel que ides adoptar nese proxecto. Un proxecto de software non consiste só en programar, senón que hai unha morea de tarefas e disciplinas que hai que exercer para levar o proxecto a cabo. Os proxectos de software libre adoitan ter un exceso de programadores e escaseza de escritores técnicos, “project managers”, “release managers”, administradores de sistemas, etc., así que podía ser interesante que exploredes eses roles; tanto para vós como para o proxecto.

O bo é que podedes mudar de rol cando queirades e incluso exercer varios ao mesmo tempo. Se pensades inicialmente que só queredes programar pero despois vos decatades de que resolver consultas dos usuarios tamén vos resulta agradable, non tedes que quedar encerrados na caixiña de “programador”.

Hai moita variación na profesionalidade dos proxectos. Os máis grandes adoitan estar mellor organizados e teñen estruturas e procedementos moi semellantes aos dunha empresa de software. Non se pode dicir o mesmo dos proxectos pequenos, especialmente se os leva unha soa persoa. Dependendo da vosa personalidade e do tipo de experiencia que queirades recibir, traballaredes máis a gusto nun tipo de proxecto ou no outro.

Case todos os proxectos, independentemente do seu tamaño, teñen dous tipos de colaboradores. Por un lado están os colaboradores esporádicos, como a xente que envía un parche puntual ou informa dun erro, e polo outro lado están os membros do proxecto: a xente que ten permisos de acceso e exerce cargos de confianza e responsabilidade.

Todos comezamos como “esporádicos”. Normalmente, os proxectos teñen unha páxina web ou instrucións para enviar un parche ou listas de correo e chats nos que podemos propoñer outros tipos de contribucións. Se colaboramos frecuentemente co proxecto e, segundo os membros nos vaian coñecendo e adquirindo confianza connosco e co noso traballo, chegará o día no que nos poidamos converter en membros permanentes.

Ese “período de proba” é importante. Se imos desde o principio pensando que temos moita influencia cando non nos coñece ninguén, causaremos unha impresión pésima que nos ha custar moito desfacer. Non escribades o primeiro día na lista de correo dicindo que o están a facer todo mal e que se vos dan permisos no git o ides arranxar todo nun amén, a menos que vaia tanto frío que precisades de queimar unhas poucas pontes para quecer.

No final, unirse a un proxecto de software libre non é tan diferente de unirse a unha empresa ou a un club ou a unha cooperativa: tedes que ver cales son os vosos obxectivos, que é o que sabedes facer máis a gusto e mellor, e buscar o sitio no que poidades maximizar as dúas cousas.

A ilustración desta Folla é unha litografía de Eddy&Claus Lindner.