Número 35
23 de novembro de 2022
|
Un día, cando eu era novo, o meu pai quería facer unha estrutura de ferro. Mercou uns tubos, colleu a súa máquina de soldar e, como os tubos tiñan que estar na posición correcta para formar a estrutura, díxome que coutara deles mentres el os soldaba.
— Au! — dicía eu cando as faíscas caían nos meus brazos.
— &$%@! — dicía el cando eu saltaba e movía os tubos sen querer.
Anos despois, afeccioneime a ver vídeos de ferreiros que facían máquinas e estruturas, e notei algo interesante: ningún deses vídeos tiña un rapaz que termaba de dous ferros mentres evitaba mirar ao electrodo. No seu lugar, os ferreiros adicaban 15 minutos a facer unha ferramenta para coutar dos ferros na posición correcta, e despois usábana mentres soldaban.
Na informática é igual. Eu moitas veces vou ás bravas. Por exemplo, se o meu programa produce ficheiros e teño que examinalos, boto man dun editor hexadecimal e descífroos a man no canto de ser listo e facer un programiña que os descifre por min.
De tal pai, tal fillo.
Unha vez, na universidade, tiñamos que facer unha aplicación web con varias seccións que tiñan unha estrutura case idéntica. Case todos nós botamos man da función de busca e substitución do noso editor de texto, facendo copias desa sección e cambiando os nomes.
Por suposto, cando atopabamos un erro nunha das copias ou tiñamos que engadir algo, tiñamos que copiar os cambios a man nas outras copias. Vaia aburrimento!
Houbo un grupo de compañeiros máis listos ca nós. No canto de malgastar horas facendo o parvo coma nós, fixeron un programa que tomaba unha configuración en XML e producía a aplicación web con todas as súas seccións. Para engadir algo ou corrixir un erro, só tiñan que modificar o programa, executalo unha vez, e xa estaban todas as seccións cambiadas. Moito mellor!
Non podedes imaxinar o tempo e esforzo que se pode aforrar cunhas boas ferramentas. Hai anos participei nun proxecto para facer unha migración. A empresa tiña varias ducias de sistemas de almacenamento que había que transferir a outra tecnoloxía, e o procedemento precisaba de dous enxeñeiros e tres días de actividade continua, durante os que os dous enxeñeiros tiñan que ser extremadamente coidadosos para evitar perder datos.
Cando cheguei, collín o documento coas instrucións que usaban para facer a migración e pasei varias semanas facendo un programa para executar esas instrucións automaticamente. Cando rematei, un só enxeñeiro podía facer unha migración en dúas horas mentres traballaba noutras cousas, e foron capaces de completar a migración en semanas no lugar de meses.
Hoxe vouvos poñer deberes: cada vez que teñades que facer algo a man repetidamente, ou que teñades un procedemento escrito que sempre executades da mesma maneira, pensade en se non sería conveniente facer unha ferramenta.
A ilustración desta Folla procede da patente estadounidense número 1187842.
Anterior: “O código son datos” | Índice | Seguinte: “Distinguide as cousas distintas” |
1 comentario