Número 60
21 de xuño de 2023
|
Unha vez, cando tiña dezaseis anos, fíxenlle un programa ao meu pai. Resultoume ben complicado de facer pero conseguín domalo, así que estaba bastante orgulloso cando llo amosei. El probouno e no cabo do día díxome: “este programa é complexo de máis; hai que ser informático para entendelo”.
Pásavos iso a vós? Escribides o programa tratando de facelo o máis simple e intuitivo que podedes, pero así con todo a xente di que é complicado de máis. Se vos vedes reflectidos niso, hai un truco que podedes probar: escribide o manual do usuario primeiro e despois facede o programa que se axuste a ese manual.
A orixe deste problema está en que, cando escribides o programa, pensades no código que tedes que escribir e non en como o vai empregar o usuario. Toda a vosa capacidade mental vai ocupada nos bucles, nos ficheiros, nas transaccións e no sistema de compilación, e non vos queda tempo para matinar en se nesta pantalla queda mellor unha morea de botóns ou un menú, se non hai unha maneira de evitar que o usuario teña que facer tantos clics, ou se F4 é, realmente, a mellor tecla que podemos escoller para activar o modo de inserción.
Cando escribides o manual primeiro, as vosas prioridades cambian: xa non estades a tratar de facer que o programa funcione, senón que o voso obxectivo é explicalo ben. Un programa difícil de usar tamén é difícil de explicar, así que os cambios que fagades nel mentres tratades de escribir o manual van simplificalo. No final, como por arte de maxia, o voso manual vai describir un programa sinxelo, doado de entender, e case sempre doado de usar.
Polo tanto, escribide o manual primeiro, revisádeo unhas poucas veces para asegurarvos de que cubre todas as necesidades e que é coherente, e despois escribide o programa seguindo as prescricións do voso manual da maneira máis exacta que poidades.
É posible que algunhas das cousas que escribistes no manual non sexan posibles tecnicamente e teñades que facer cambios, pero non caiades na tentación de facer cambios para simplificar o código, que ese é o problema que tiñades no principio e queriades evitar.
Este truco trae aínda máis beneficios que un programa doado de usar. O máis evidente é que ides acabar tendo un manual para o voso programa. Outro é que ese manual é, ao mesmo tempo, un documento de requirimentos e un documento de deseño. A moita xente resúltalle máis doado entender un manual de usuario que un documento de requirimentos, así que o cliente vai poder facer máis e mellores observacións e correccións.
A próxima vez que vaiades facer un programa, escribide o seu manual primeiro e dicídeme que tal vos foi.
A ilustración desta Folla procede dun gravado de 窪俊満 (Kubo Shunman).
Anterior: “O cortello” | Índice | Seguinte: “Os cabos” |
1 comentario