Número 39
4 de xaneiro de 2023
|
Hai xente que ten un concepto moi especial da seguridade laboral. Nós, cando oímos falar do termo, pensamos en evitar lesións, caídas e outros accidentes. Esta xente, porén, só pensa en evitar perder o seu traballo.
(Seguridade laboral, pilládelo?)
Hai moitos trucos que usa esta xente para reforzar a súa seguridade laboral, como escribir código difícil de entender, non documentar o seu traballo ou facer ver que o seu traballo é moito máis complicado do que é na realidade. No final, non son máis que tácticas de sabotaxe para tratar de facerse indispensable.
Non inventei eu o termo “seguridade laboral” aplicado a estas prácticas, que xa vén de vello. Haivos ben tempo que a xente anda a facer estas falcatruadas.
Se vos entra a tentación de poñelas en práctica, permitídeme que vos desanime. A maneira máis efectiva de conservar o voso posto de traballo é darlle beneficios á empresa, non poñer obstáculos que, no final, o que fan é reducir a vosa produtividade e a dos vosos compañeiros.
Imaxinade, por exemplo, que escribides código complicado e difícil de entender (ou, noutras palabras, de baixa calidade) para que a outras persoas lles sexa difícil traballar con el. Tamén vai ser difícil para vós! O día que teñades que facer un cambio ou arranxar un erro, ides pasar máis tempo lendo e tratando de entender o voso propio código que facendo o voso traballo.
Dunha maneira ou doutra, alguén vai ter que investir moito tempo en descifrar e entender o voso código; tanto dá se o facedes vós ou se o fai outra persoa recén contratada, así que non existe un incentivo para mantervos no voso posto de traballo. Aínda máis: existe un incentivo para despedirvos e contratar no voso lugar a alguén que demostre saber como escribir bo código que sexa doado de entender e modificar.
Ocorre a mesma cousa coa documentación. Hai moita xente á que lle dá preguiza escribila, ou que non ten a aptitude para escribir documentación completa e boa de entender. Porén, tamén hai xente que fai o cálculo e decide que o mellor sitio para gardar todos eses coñecementos é na súa propia cabeza, que así son máis valiosos para si.
Ata que pasan tres meses e xa non lembran como funcionaba todo e teñen que facer arqueoloxía para redescubrilo. Chegados a ese punto ocorre o mesmo de antes: é mellor contratar a alguén que saiba escribir documentación que seguir aturando ao que non quere.
Todos temos un compañeiro de traballo que é o que sempre se encarga desas tarefas complicadísimas que ninguén máis que el sabe facer. Sabemos que son complicadas porque esa persoa está sempre a falar nas xuntanzas de como leva dous días loitando con tal cousa ou estaba a facer aquela cousa e apareceu estoutro obstáculo. Ás veces ofrecemos axuda, pero sempre teñen unha razón para rexeitala.
Se algunha vez pensastes en que esa tarefa non pode ser tan complicada, probablemente teñades razón. O único que fai esa persoa é darse aires para aumentar a percepción da súa importancia. O malo é que un día ese choio vai rematar: a tarefa vaise facer innecesaria ou alguén vai automatizala, e esa persoa ha quedar en evidencia.
No final, todos eses trucos e enganos que se usan para alcanzar ese particular estilo de seguridade laboral son prexudiciais para a empresa para a que un traballa, pero tamén para un mesmo. Se as practicades, a vosa produtividade vaise reducir, a vosa relación cos vosos compañeiros vai sufrir e, cando vos descubran, a vosa reputación vai quedar arruinada.
A ilustración desta Folla procede dun gravado de Thomas Rowlandson.
Anterior: “Moi estimados” | Índice | Seguinte: “Consultorio: o custo do cambio” |
1 comentario