Número 41
18 de xaneiro de 2023

Aleutas coas alertas

Moitos dos que traballades profesionalmente na informática tedes unha serie de servizos ou servidores ao voso cargo: cando ocorre un problema neles, sodes vós os que o tedes que arranxar. Para poder facelo, seguro que instalastes un sistema de monitorización e alertas: por exemplo, un programa conta as consultas por segundo ás que responde o voso servizo e, se de súpeto ese número baixa a cero, recibides unha mensaxe no móbil.

Non vos vou dicir como seleccionar e instalar un sistema deses porque hai, aproximadamente, douscentos mil e todos teñen avantaxes e inconvenientes en distintas partes do seu deseño. O que si podo facer é darvos un consello sobre como configurar as alertas pero, para iso, antes teño que contarvos unhas poucas historias.

Un lobo ataca unha ovella e un neno corre en busca de axuda mentres todos o ignoran.“Por moito que berrou, ninguén acudiu porque todos o tiñan por un mentirán.”

Andrea estaba a gozar soñando coa súa voda cando recibiu unha alerta no móbil ás tres e media da noite do sábado. Saltou da cama para desactivala antes de que espertara a súa filla e conectouse o máis rápido que puido á rede da empresa para arranxar o problema. Non ficou moi leda cando leu a causa da alerta: un disco duro viña de superar o 50% de espazo ocupado e só ficaban 5 terabytes libres.

Paco recibiu unha alerta que dicía que o sistema primario acababa de fallar así que a carga de traballo estaba agora no sistema secundario. Como era a primeira vez que viu esa alerta, acudiu á guía de resolución de alertas e leu esta frase: “Trala transferencia, o sistema secundario tórnase primario, configúrase automaticamente un novo sistema secundario, e o operador non precisa de facer ren”.

Estaba eu a xantar con Denís cando lle pitou o móbil.
—É unha alerta do traballo, non te preocupes —díxome.
—E logo, non o vas coller?
—Nah, vou agardar ata a sobremesa, que isto non é nada. Pita todo o tempo, pero fixen unha páxina web cun botón que o arranxa, así que non vai levar tempo ningún solucionalo.

Estas tres historias ilustran algúns dos motivos polos que un sistema de alertas pode ser ineficaz.

Andrea recibiu unha alerta no medio da noite nun fin de semana, e non resultou ser unha situación na que houbese risco para a vida dunha persoa ou a posibilidade de perder millóns de euros, senón que foi unha auténtica parvada que non tiña ningunha urxencia.

A urxencia e severidade da alerta deben ser proporcionais ás da súa causa. Non todo precisa dun aviso e resolución inmediata: moitas veces, unha notificación por chat ou email, en horario de oficina, é dabondo.

Cando Paco recibiu a súa alerta, non había nada para el facer. Non tiña que arranxar nada, non tiña que observar nada, non tiña que tomar ningunha acción. Ou sexa: non era necesario que Paco recibira ningunha alerta.

As alertas só son útiles se é preciso realizar algunha acción ao recibilas. Se son informativas, non deberían ser alertas: abonda cunha nota nunha páxina web, un email ou, outra vez máis, unha notificación por chat.

Denís recibe a mesma alerta con tanta frecuencia que xa non se molesta en responder a ela con dilixencia. Ademais, a causa é sempre a mesma, así que Denís acabou por facer un botón que pode premer para arranxala.

No canto de afacerse ás continuas interrupcións do seu móbil, máis lle prestaría a Denís facer unha automatización que prema o botón cando apareza o problema no canto de lle enviar unha alerta — ou, directamente, arranxar o problema para que non volva ocorrer.

As alertas, para ser eficaces, teñen que ser proporcionais, actuables e infrecuentes: alertade só por cousas importantes e que precisen dunha intervención, e arranxade as causas das vosas alertas.

A ilustración desta Folla procede de “The book of fables”, de Horace Scudder.