Número 42
25 de xaneiro de 2023
|
Un día, hai moitos anos, fun a Barcelona para facer un traballo para unha empresa. Cheguei á recepción e preguntei polo xefe de proxecto; resultou que aínda non estaba alí. Unha hora despois chegou un home fraco, nervioso, cun tic nun ollo, que me pediu desculpas pola súa tardanza e me acompañou á oficina.
Unhas horas despois, falando con el no xantar, contoume que o contrataran porque o proxecto ía con atraso, que lle esixían que o encarrilara outra vez, que tiña moito estrés e que durmía catro horas cada día. Normal que non oíra o espertador pola mañá. Normal que tivera un tic no ollo. Normal que tivera un aspecto pouco saudable.
Nesta industria hai moita tendencia a ignorar a necesidade que temos de descansar. É común traballar, coma o xefe de proxecto de Barcelona, moitas horas no día, con altos niveis de estrés e roubando horas de sono cada noite, deteriorando lentamente o noso corpo e a nosa mente, e tamén a calidade do noso traballo.
Canto máis cansos estamos, peor traballamos. Hai xente que pasa horas e horas no traballo sen se decatar de que a súa produtividade se reduce e os seus erros aumentan segundo transcorre o día. Non é unha esaxeración dicir que, pasado certo punto, a produtividade se torna negativa: tantos erros hai, que no día seguinte temos que desfacer o que fixemos o día anterior.
Teño dúas anécdotas persoais que ilustran isto. Un día, facendo programación en parella (“pair programming”), chegaron as seis, as sete e as oito, e ningún dos dous se atrevía a dicir que xa era hora de marchar (eramos novos e cada un quería impresionar ao outro). Finalmente, despois de pasar quince minutos editando o ficheiro incorrecto sen nos decatar ningún dos dous, piei e marchamos para a casa.
Noutra ocasión, chegou á nosa casa unha cadeliña que non durmía polas noites — e, polo tanto, eu tampouco. Iso durou un par de semanas. Un tempo despois, estaba eu no traballo a editar un programa que estaba tan mal feito, que fun ao sistema de control de versións para ver quen o escribira. Non, non fora eu o que o escribira cando a cadela non me deixaba durmir. Fora eu o que o aprobara. Estaba tan canso e tan fóra de min, que nin sequera fun capaz de analizar criticamente o código que escribira outra persoa.
Un dos efectos de durmir pouco é que non nos decatamos do prexudicados que estamos. Cando estaba eu perdendo sono pola cadela, pensaba que estaba programando —e revisando código— igual de ben que antes. Non me decatei da realidade ata máis tarde, cando estaba fresco e lle botei unha nova ollada ao código que antes deixara pasar.
O estrés é semellante niso, por certo. Houbo unha ocasión, hai anos, na que andaba eu con moito estrés. Se me preguntarades daquela, porén, diríavos que non, que andaba ben e totalmente tranquilo. Ao mesmo tempo, eu tremía de frío coa calefacción a todo gas e andaba cunha dor de estómago persistente que resultou ser unha úlcera, e non foi ata bastante tempo despois que me decatei de que eses síntomas foran causados polo estrés.
Cóntovos todo isto para que vos coidedes porque ninguén máis vai mirar por vós, que é moito máis doado do que pensades exceder a capacidade do voso corpo e da vosa mente, e que non vos vai prestar nada. Pensade que traballos hai moitos, pero corpo só tedes un. E, se sodes uns workaholics e ese argumento non vos convence, lembrade que, se non tedes boa saúde, non ides ser tan produtivos como poderiades.
A ilustración desta Folla procede do gravado “El sueño de la razón produce monstruos” de Goya.
Anterior: “Aleutas coas alertas” | Índice | Seguinte: “O que non manda non manda” |
1 comentario