Número 43
1 de febreiro de 2023
|
Chega un momento na carreira profesional de moitos no que diriximos un pequeno equipo para levar a cabo un proxecto. Esta posición, que en moitas empresas se chama “TL” por ser as iniciais de “tech lead” ou “team lead”, é, para moitos, a primeira experiencia que teñen dirixindo un equipo. Algúns descobren que lles gusta e comezan a pensar seriamente en mudar a un rol de dirección; outros, en cambio, quedan escaldados coma o gato e foxen para sempre de calquera posto de responsabilidade.
Se ides actuar como TL por primeira vez, o máis importante que tedes que ter en mente é que non o tedes que facer todo vós. Como traballadores individuais, estamos afeitos a ter unha lista de cousas que temos que facer. Como TL, tamén temos unha lista, pero non a temos que facer nós, senón todo o equipo.
De aquí tamén veñen moitos outros consellos que tamén vos podería dar, como o de non facer “micromanaging”, non insistir en revisar todos os cambios, non acaparar as partes interesantes ou difíciles do proxecto, etc. O voso obxectivo ten que ser que todos os membros do equipo poidan traballar a pleno rendemento, non meter a vosa man en todo e frealos.
Sendo TL, o voso traballo vai ser diferente de como era antes. Non contedes con pasar o día programando no voso código sen atender a máis nada. Agora ides ter responsabilidade sobre a dirección do proxecto, seleccionar as funcións que se van engadir e os cambios que se van facer, escribir moita documentación e moito email, e falar cos clientes e os usuarios e os xefes e todos os que teñen algún tipo de interese no proxecto.
Para os que traballamos nisto porque nos gosta programar, este cambio pode ser moi difícil de asumir. Eu coñecín a varios TLs que non tiñan tempo para programar, aínda que eles non se decataban diso: autoasignábanse tarefas que logo tardaban moito en completar, atrasando todo o proxecto e facendo que se sentiran culpables.
Outra cousa importante que hai que ter en conta é que a posición de TL non é de mando: os membros do voso equipo non son os vosos subordinados, senón os vosos compañeiros. A vosa función non é ordenar, senón dirixir e facilitar e apoiar. Non me sexades o típico pailán que pon unha gorra de prato e pensa que é Deus, pero só está a guiar coches nun aparcadoiro.
O que si tedes sendo TL é influencia, así que se sodes o tipo de persoa que gosta de dar consellos, ensinarlle á xente o que sabedes ou escribir boletíns semanais sobre enxeñería do software, podedes sacar bo proveito desa posición.
Outra avantaxe chega na hora de revisar os vosos obxectivos e os vosos resultados. Sendo un traballador individual, para min só conta o que faga eu, pero sendo un TL, tamén conta o que fagan os meus compañeiros. Ás veces a un dálle a impresión de que está a facer trampa:
—Que fixeches o mes pasado?
—O módulo de pagamentos está rematado [fixérono Antía e Uxío], o módulo dos impostos está certificado [fíxoo Xurxo] e xa temos un deseño para a conciliación [fíxeno eu].
—Moi ben! Bo traballo!
—Abofé!
A principal avantaxe de ser TL, porén, é unha que mencionei no principio desta Folla: é unha boa maneira de aprender a dirixir un equipo e ver se é algo ao que vos queirades adicar no futuro. A realidade da nosa profesión é que se espera que, ao chegar a certo nivel profesional, fagamos menos traballo individual e máis traballo de dirección, e exercer de TL é unha boa maneira de facer a proba.
A ilustración desta Folla procede dun gravado de Pieter de Jode II.
Anterior: “A durmir” | Índice | Seguinte: “Sempre hai máis” |
1 comentario