Número 44
8 de febreiro de 2023
|
Nestes días estou a traballar nun proxecto persoal. Quero publicalo como software libre, pero hai uns poucos problemas que quero arranxar antes de facelo: hai algúns erros, algunhas partes do código non campan todo o que podían, e falla documentación. Debería, logo, agardar a que todo iso estea rematado antes de publicalo?
— Procrasto
Os proxectos de software sempre teñen unha lista interminable de cousas por facer: erros que hai que arranxar, código que hai que limpar, funcionalidade que hai que engadir. Moitas veces, facemos unha refactorización e aparecen dúas ou tres cousas que, agora que o noso código é diferente, podemos facer.
No final, a maioría dos proxectos non rematan, senón que paramos de traballar neles. Nunca conseguimos baleirar a lista de cousas por facer; simplemente, decidimos que o traballo restante é máis grande que o beneficio que imos sacar do proxecto, así que o mellor é dalo por rematado.
Polo tanto, non podes agardar a que todo o teu proxecto estea ben aquelado para publicalo, porque sempre hai máis cousas por facer e nunca vas estar satisfeito. Lévao a un punto no que non che dea demasiado noxo, publícao, e despois que pase o que Deus queira.
Levo un tempo traballando de programador. Investín moito esforzo en aprender Linux, HTML, JavaScript, React, programación para Android, para iOS, backend, frontend, … e aínda me dá a impresión de que non sei nada. Vexo xente facendo cousas con intelixencia artificial, escribindo xogos, traballando en seguridade, e eu teño ganas de aprender sobre esas cousas, pero non son quen de facelo. Como podo ampliar os meus coñecementos para non quedar atascado na mediocridade?
— Querente
A informática é un campo extremadamente amplo, xa que é unha disciplina que se pode aplicar a moitas cousas distintas. Polo tanto, hai moitísimas formas de “informática”, e non se pode esperar que unha persoa o saiba todo.
O experto en intelixencia artificial non sabe nada de React ou de programación en iOS, o programador de xogos sabe moito sobre gráficos 2D e 3D pero nunca escribiu unha liña de SQL, e o experto en criptografía non é quen de escribir un documento comprensible por un mortal.
Son eles uns mediocres por non saber esas cousas, ou por non ter traballado nunca en nada de procesamento de sinais ou de teoría de control ou de aplicacións cliente-servidor? Por non ser expertos en compiladores ou en alta dispoñibilidade ou non saber como funciona a codificación UTF-8? Obviamente non, xa que os tés en tanta estima que te comparas con eles.
Se ti es a clase de persoa que sempre quere aprender e ter a súa man en todo, vaiche ser mellor que abandones esa idea: por moito que saibas, sempre hai máis cousas por saber. Vaiche ser mellor ser experto nalgunhas cousas e admirar aos que son expertos noutras — e falar con eles cando precises do seu coñecemento.
A ilustración desta Folla procede da Feira no Pobo de Brueghel o Novo.
Anterior: “O que non manda non manda” | Índice | Seguinte: “O problema real” |
1 comentario