Número 68
6 de setembro de 2023
|
Todos sabemos o difícil que é estimar o tempo que imos tardar en completar un proxecto, pero aínda así hai moita xente emperrada niso.
Frederick Winslow Taylor (aquí retratado en puntos) andaba tras dos obreiros das fábricas cronometrando todos os seus movementos individuais.
Unha das cousas que fixo que esta idea sexa considerada posible (ou, polo menos, menos absurda) foi o descubrimento de que a duración dun proxecto é directamente proporcional ao numero de tarefas do que se compón. Dá igual a natureza desas tarefas, o seu tamaño, etc: se sete tarefas levan unha semana de media, catorce levan dúas semanas.
Sabendo isto, facer unha estimación do tempo restante nun proxecto é moi doado en aparencia: abonda con facer unha gráfica co número de tarefas restante. Con sorte, esta gráfica produce unha liña descendente que se pode estender ata o eixo X para obter a data prevista de finalización.
O quid do asunto está en que, como as distintas tarefas teñen tamaños e dificultades moi diferentes, tamén teñen duracións moi diversas. Pode ser que completar sete tarefas leve, de media, unha semana, pero pode haber ocasións nas que leve dúas horas e outras nas que leve tres semanas. Polo tanto, a liña da gráfica da que falei antes non sería recta, senón que viraría aleatoriamente para arriba e para abaixo, para diante e para atrás, dando como resultado unha data moi imprecisa.
Para reducir esta variación na duración das tarefas, alguén tivo a idea de clasificalas segundo o seu tamaño. Pode que a variabilidade entre tarefas en xeral sexa bastante alta (unha pode levar un día e outra unha semana), pero entre as tarefas do mesmo tamaño non o é tanto (dúas tarefas pequenas van durar máis ou menos o mesmo número de días). Polo tanto podemos producir estimacións menos inexactas se, no canto de contar oito tarefas, contamos cinco pequenas, dúas medianas e unha grande.
Agora ben, facelo así dá moito traballo. Non abonda con contar as tarefas, senón que hai que clasificalas segundo o seu tamaño e despois contabilizar cada clase de tarefa por separado e actualizar as estatísticas para cada clase, etc. O resultado é máis confiable pero non paga a pena tanto traballo. Por sorte alguén inventou unha técnica case tan doada como contar tarefas xuntas e case tan precisa como contalas separadamente: o sistema de puntos.
Neste sistema non se clasifican as tarefas para dividilas en grupos senón para darlles cadanseu número de puntos. Os puntos non teñen significado físico ningún — non representan un día, unha hora ou unha semana; o que importa é que o número de puntos de cada tarefa sexa, máis ou menos, proporcional ao tamaño dela.
(Tampouco hai que matarse moito a decidir exactamente cantos puntos merece cada tarefa. Moitísimos equipos limítanse a dar un punto ás tarefas pequenas, dous ás medianas e tres ás grandes, e iso funciónalles ben dabondo).
Despois de facer isto, no canto de contar tarefas cóntanse puntos. Se a asignación de puntos está ben feita, o tempo que leva completar varias tarefas debería ser proporcional ao seu número total de puntos, o que nos dá o beneficio da clasificación con moito menos traballo.
Moitos equipos que practican Agile —e moitos outros que non— asignan puntos ás súas tarefas pendentes para axudar a estimar o tempo que vai levar un proxecto ou para saber cantas tarefas se poden asignar en cada iteración. Isto está moi ben, porque é unha boa ferramenta para iso.
Non é tan bo cando alguén define métricas baseadas no número de puntos completados en cada semana, mes ou iteración. O problema das métricas é que son moi atraentes e que é moi tentador poñer obxectivos baseados nelas, que é algo que moitas veces produce resultados non desexados e fai que a métrica deixe de ser útil porque a xente a trampea para quedar mellor.
Polo tanto, se precisades dun sistema para estimar o tempo que ides tardar en facer un traballo probade o sistema de puntos, que seguro que vos funciona. Porén, non caiades na trampa de usar os puntos que facedes (en equipo ou individualmente) coma unha medida de produtividade, porque entón vai deixar de funcionar.
A ilustración desta Folla está adaptada dunha fotografía de Frederick Taylor.
Anterior: “O misterio das previsualizacións” | Índice | Seguinte: “Segunda tempada” |
1 comentario