Número 69
20 de setembro de 2023
|
Xa hai ben tempo que veño publicando a Folla: desde marzo de 2022, para ser exactos, aínda que comecei a escribila un par de meses antes. Non é de estrañar, logo, que ás veces vexa complicado atopar un tema do que non teña escrito antes, ou que outras veces o tema apareza pero non sexa moi interesante.
“Non teño unha pregunta, senón máis ben un comentario…”
Niso estaba hoxe, a ter problemas para encher un artigo sobre o que facer cando non podemos replicar un erro (revisade a vosa configuración e a do usuario, que hai algo distinto), cando pensei que o número da Folla de hoxe era auspicioso dabondo para poñer en efecto unha suxestión que me fixo a miña muller hai unhas semanas:
Hoxe comeza a segunda tempada da Folla.
Hai tempo que quero escribir un sistema de comentarios para a Folla. Cando eu tiña un blog a xente poñía comentarios moi interesantes nel, pero por culpa do spam decidín quitalos esperando que as redes sociais puideran suplilos. Por desgraza non foi así e agora quero recuperar aquela maxia e darvos a oportunidade de dicirme cousas aquí mesmo, na miña páxina.
Ademais, nestas 68 Follas escribín unha chea de palabras sobre como facer as cousas pero non vos amosei como as fago eu. Polo tanto, hei adicar as próximas Follas a describir como deseño e escribo ese sistema de comentarios e como o poño en produción.
O primeiro que teño que facer é unha lista de requirimentos, pero antes diso quérovos explicar como é o sistema actual.
A Folla non usa WordPress ou un deses sistemas de xestión de contido senón que emprega un xerador de sitios web estático de produción propia que escribín en 2020, no principio da pandemia, para publicar a miña páxina web persoal. Con este sistema, eu escribo os textos da Folla en ficheiros Markdown que xestiono con git e, cando fago git push
, o meu servidor converte a colección de ficheiros nunha nova versión da web da Folla.
Quero que a Folla continúe a ser un sitio web estático para aproveitar que o servidor web está optimizado para iso. Porén, vou facer que o sistema de comentarios sexa unha aplicación web incrustada nas páxinas estáticas. O máis seguro é que o faga mediante un pequeno ficheiro JS que se encargue das partes dinámicas.
Quero que a xente poida escribir os seus comentarios no mesmo dialecto de Markdown que uso eu para escribir a Folla. Para que a persoa que estea a escribir o comentario poida ver como queda, quero que haxa unha previsualización automática do comentario que se actualice segundo o usuario o vaia escribindo.
O spam foi o que causou que eu quitara os comentarios do meu blog. Para evitalo desta volta quero que os comentarios estean moderados e non sexan visibles inmediatamente despois de envialos, senón que teña que aprobalos eu. Cando alguén envíe un comentario quero recibir un email co texto do novo comentario e unha ligazón para aprobalo, rexeitalo ou modificalo.
Opcionalmente, quero que o usuario que enviou o comentario poida ver que chegou pero aínda non está publicado. Desta maneira evito que a xente pense que se perdeu.
Tamén quero ter unha interface administrativa para non depender do email para xestionar os comentarios.
Finalmente, quero que funcione todo no meu servidor (que xa está pagho) e que sirva para a Folla e tamén para a miña páxina persoal.
Case nada.
Nas próximas semanas vou deseñar a arquitectura do sistema de comentarios e comezar a implementalo. Se notades cambios no deseño da Folla, xa sabedes por que é!
E se non podedes agardar a que o sistema de comentarios estea dispoñible para facer as vosas observacións, lembrade que sempre podedes escribir a a@folla.gal.
A ilustración desta Folla foi producida mediante intelixencia artificial.
Anterior: “Estimación por puntos” | Índice | Seguinte: “O plan” |
1 comentario