Número 84
14 de febreiro de 2024
|
Cambiei de traballo hai pouco e, con todo o que teño que facer e aprender, non tiven tempo de preparar e escribir un tema para a Folla, así que hoxe van tres.
Tiña curiosidade por saber cantos programadores saben mecanografar — é dicir: cantos son capaces de escribir nun teclado usando todos os dedos e sen mirar para el. Non atopei moita información: algúns blogs din que menos do 20% dos usuarios de informática sabe mecanografar, pero xa sabemos que o 93,2% das estatísticas son inventadas.
Se tivera que adiviñar, eu esperaría ver unha grande división segundo a idade: algúns tomamos clases para aprender a escribir a máquina, outros sempre tivemos un teclado na nosa vida, e moitos medramos usando “tablets” e teléfonos sen teclado. Por outro lado, a maioría dos usuarios de teclado sempre usaron dous dedos ou un só, así que é difícil saber quen sabía, realmente, mecanografar.
Obviamente podedes ser bos programadores sen saber mecanografar, pero a miña recomendación é que, se non sabedes, aprendades (e practiquedes todos os días, claro).
No principio ides ir máis lentos, pero cando vos afagades, as vantaxes van pagar a pena. Como ides mirar para o monitor e non o teclado, poderedes cachar os erros moito máis rápido. Ademais, as mans vanse mover menos mecanografando que usando os dous (ou catro) dedos, así que ides estar menos fatigados no final do día.
Co tempo, se persistides, colleredes tanta soltura que poderedes teclear sen pensar nas teclas: as palabras van ir directas da vosa mente á pantalla, e ides preguntarvos por que tardastes tanto en aprender a mecanografar.
A vosa empresa contratou outro programador e a semana que vén é o seu primeiro día. Ou outro programador doutro grupo na mesma empresa precisa de facer cambios no voso código. Ou tedes un proxecto “open source” no que a xente quere participar.
Nestes tres casos, sabedes que sería moi útil ter? Unha “guía do desenvolvedor”.
Xa sabedes o que é unha “guía do usuario”: un manual que indica a maneira de instalar e comezar a usar un programa. Unha guía do desenvolvedor é o mesmo pero para a xente que quere comezar a escribir código para o programa.
Igual pensades que non vos fai falla porque xa tedes o Confluence coa arquitectura e os diagramas de bloques e unha lista con todas as variables que se monitorean, pero este documento que propoño non se trata diso. O que tedes é un “manual de referencia”; isto que vos digo é unha ”guía de instalación e primeiros pasos”.
Escribín un modelo de “guía do desenvolvedor” que podedes atopar nesta ligazón e podedes copiar nos vosos proxectos ou no voso traballo. Está escrita en inglés porque a escribín para xente que falaba nese idioma e, xa que estamos, imos para o derradeiro tema desta Folla.
Se traballades na informática é bastante necesario controlar ben o inglés. Como mínimo, debiades ser capaces de ler documentación técnica, pero un bo coñecemento do inglés falado pódevos abrir moitas portas.
Penso que hoxe en día a situación do coñecemento do inglés está mellor que cando eu era novo pero, aínda así, practicade! Poñede a tele en versión orixinal, lede libros, ollade “streamers” estranxeiros e participade en foros de Internet, que hoxe tedes menos escusa da que tiñamos nós daquela.
A ilustración desta Folla é a portada do libro “The Enchanted Typewriter”.
Anterior: “Recollida do lixo” | Índice | Seguinte: “Estatísticas para devops” |
1 comentario